Plasma xerminal
O plasma xerminal (alemán: Keimplasma) é un concepto biolóxico desenvolvido no século XIX polo biólogo alemán August Weismann. Consiste en que a información herdable só se pode transmitir polas células xerminais das gónadas (ovarios e testículos), non polas céulas somáticas. A idea relacionada de que a información non pode pasar desde as células somáticas á liña xerminal, contraria ao lamarckismo, denomínase barreira de Weismann. En certa medida esta teoría anticipou o desenvolvemento da xenética moderna.
Historia
[editar | editar a fonte]O termo Keimplasma (plasma xerminal) foi utiliado por primeira vez polo biólogo alemán August Weismann (1834–1914), e descrito no seu libro de 1892 Das Keimplasma: eine Theorie der Vererbung (O plasma xerminal: unha teoría da herdanza).[1] A súa teoría establece que os organismos multicelulares constan de células xerminais que conteñen e transmiten información herdable, e células somáticas que levan a cabo as funcións corporais ordinarias.[1][2] Na teoría do plasma xerminal, a herdanza nun organismo multicelular soamente ten lugar por medio das células xerminais: os gametos, como as células ovo e as células espermáticas. Outras células do corpo non funcionan como axentes da herdanza. O efecto ten un só sentido: as células xerminais producen células somáticas e máis células xerminais; as células xerminais non son afectadas por algo que as células somáticas aprendan ou por calquera capacidade do corpo adquirida durante a súa vida. A información xenética non pode pasar desde o soma ao plasma xerminal e á seguinte xeración. Isto denomínase barreira de Weismann.[3] Esta idea, se é certa, descarta a herdanza dos caracteres adquiridos proposta por Jean-Baptiste Lamarck, e por outros antes del, e aceptada por Charles Darwin tanto en A orixe das especies coma na teoría da panxénese da herdanza.[4]
Porén, unha lectura coidadosa do traballo de Weismann de toda a súa carreira como científico mostra que tiña unha idea máis matizada do concepto. Insistía, igual que Darwin, en que era necesario un ambiente variable para causar variacións no material hereditario.[2] Como a información xenética non pode transmitirse do soma ao plasma xerminal, estas condicións externas, segundo cría el, causaban efectos diferentes sobre o soma e o plasma xerminal. Deste xeito, o historiador da ciencia Rasmus G. Winther afirma que Weismann non era un weismanniano, xa que el, como Darwin, cría na herdanza dos caracteres adquiridos, o que posteriormente acabaría por coñecerse como concepto lamarckista.[2]
A parte da teoría de Weismann que resultou ser máis vulnerable era a súa noción de que o plasma xerminal (en realidade, os xenes) era reducido sucesivamente durante a división das células somáticas. A medida que se desenvolvía a xenética moderna, foi quedando claro que esta idea está errada na maioría dos casos.[5] Casos como o da ovella clonada Dolly probaron por medio de transferencia nuclear de célula somática que as células adultas reteñen un conxunto completo de información (o que se opón á perda gradual cada vez maior de información xenética de Weismann) poñendo este aspecto da teoría de Weismann en suspensión como regra xeral do desenvolvemento dos metazoos. Porén, a información xenética pérdese rapidamente nas células somáticas nalgúns grupos de animais por medio do procesamento do xenoma somático. O exemplo mellor coñecido son os nematodos, no cal o fenómeno da diminución da cromatina foi descrita primeiro por Theodor Boveri en 1887.[6]
A idea foi ata certo punto anticipada nun artigo de 1865 de Francis Galton, publicado no Macmillan's Magazine, que expoñía unha versión débil do concepto. En 1889 Weismann escribiu recoñecendo que "Vostede expuxo no seu artigo unha idea que é nun punto esencial case aliada á idea principal contida na miña teoría da continuidade do plasma xerminal".[7]
Visión moderna
[editar | editar a fonte]A idea da barreira de Weismann, concretamente que os cambios adquiridos durante a vida dun organismo non pode afectar a súa descendencia, é aínda amplamente aceptada. Isto foi ampliado en termos moleculares como o dogma central da bioloxía molecular, que afirma que a información escrita en forma de proteínas non pode traspasarse á información xenética transmisible codificada nos ácidos nucleicos.[8]
A noción weismanniana de que as células xerminais non son afectadas polas células somáticas ou o seu ambiente, non obstante, demostrou non ser absoluta. A modificación química de bases nuclotídicas que constitúen o código xenético como a metilación de citosinas, así como a modificación de histonas, arredor das cales se organiza o ADN en estruturas de orde superior, está influída polo estado metabólico e fisiolóxico do organismo e nalgúns casos pode ser herdable. Tales cambios denomínanse epixenéticos porque non alteran a secuencia de nucleótidos.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Weismann, August (1892). Das Keimplasma: eine Theorie der Vererbung. Jena: Fischer.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Winther, Rasmus G. (2001). "August Weismann on Germ-Plasm Variation". Journal of the History of Biology 34 (3): 517–555. ISSN 0022-5010. JSTOR 4331686. PMID 11859887. doi:10.1023/A:1012950826540.
- ↑ Germ-Plasm, a theory of heredity (1893)
- ↑ Huxley, Julian (1942). Evolution, the Modern Synthesis. p. 17. JSTOR 4331686.
- ↑ Por exemplo, por estudos de cromosomas politénicos e glándulas salivares (é dicir, células omáticas) de larvas da mosca Drosophila.
- ↑ Streit, Adrian (novembro de 2012). "Silencing by Throwing Away: A Role for Chromatin Diminution". Developmental Cell 25 (5): 918–919. PMID 23153488. doi:10.1016/j.devcel.2012.10.022.
- ↑ The Rough Guide to Evolution: Galton or Weismann first to continuity of the germ-plasm?
- ↑ Turner, J. Scott (2013). Henning, Brian G.; Scarfe, Adam Christian, eds. Biology's Second Law: Homeostasis, Purpose, and Desire. Beyond Mechanism: Putting Life Back Into Biology (Rowman and Littlefield). p. 192. ISBN 978-0-7391-7436-4.
Onde Weismann diría que é imposible que os cambios adquiridos durante a vida dun organismo se traspasen a caracteres transmisibles da liña xerminal, o DCBM [dogma central da bioloxía molecular] agora engadiu que era imposible que a información codificada nas proteínas se traspasase e afectase a información xenética en ningunha forma calquera que fose, o que era esencialmente unha reestruturación molecular da barreira de Weismann.
- ↑ Berger, S. L.; Kouzarides, T.; Shiekhattar, R.; Shilatifard, A. (2009). "An operational definition of epigenetics". Genes & Development 23 (7): 781–83. PMC 3959995. PMID 19339683. doi:10.1101/gad.1787609.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Germ-Plasm". New International Encyclopedia. 1906.